A información conforma

As nosas sociedades teñen moita información pero moi mediatizada.

O papel da cooperación internacional

O problema é entender a cooperación como “dar do que nos sobra”.

Efectos das políticas do Norte no Sur

Explotación laboral, redución do Estado, retroceso en dereitos, etc.

O Sur como fonte de coñecemento

Os grupos de axuda mutua como alternativa social, económica e política.

martes, 29 de xullo de 2014

María Reimóndez e Branca Rodríguez na presentación da obra en Lugo.

Pilar Ponte publicou no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo (12/06/2014) unha recensión sobre o libro A alternativa está aquí, de María Reimóndez.

E TI, QUE QUERES SER?
A política dos xestos pequenos

E ti, que queres ser? Queres ser superheroe/superheroína ou queres ser activista? Se aínda non tes resposta a esta pregunta precisas ler urxentemente A alternativa está aquí, a última obra de María Reimóndez, a recente gañadora dos Premios Xerais 2014. Sae o título como quinta entrega de “Libro X”, unha colección de Xerais de ensaios breves e de carácter divulgativo que, por incrible que pareza, non forma parte da proposta de lecturas para o ensino da editorial.

Ninguén explica mellor que a autora os motivos para ler a súa obra: “fala da política dos xestos pequenos, ofrece numerosos exemplos de iniciativas descoñecidas pola maioría da sociedade, reflexiona sobre o pensamento que é necesario para habitar un mundo diferente, busca ser ameno e axudar a vernos a nós e ás outras dun xeito crítico e, por último, tenta que ao pecharmos a páxina pasemos á acción”. E todo isto en menos de 150 páxinas!

Un dos grandes acertos do texto é a súa aposta pola exemplificación, a intención de lle dar ao lector unha solución ao seu desexo de cooperación mediante a política de xestos pequenos. Ese saber que podo facer eu dende o confortable sofá do meu fogar do primeiro mundo, dende recoller un papel do chan a non cambiar de móbil sen necesidade sabendo por que é realmente importante o que eu fago para a comunidade.

Auguramos que o gran descubrimento para a maioría dos lectores serán os Grupos de Axuda Mutua (GAM). O funcionamento dos GAM é analizado polo miúdo e aprendemos desta forma de cooperación claves que nos poden axudar moito na organización de grupos, concretamente é unha aprendizaxe magnífica para a educación cooperativa. Imposible non facer alusión ao capítulo “A xustiza comeza pola boca”, verdadeira lección de sociolingüística para entender a importancia de falar unha lingua minorizada. Esta ducia de páxinas están chamadas a se converter en lectura obrigada nas nosas clases de lingua.

A pouca sensibilidade que teñamos, o libro das xoaniñas remóvenos por dentro e déixanos indefensos coas nosas propias contradicións perante un discurso alentador que só pode xurdir cando se produce unha coherencia vital como a da autora. Estás en disposición de formar parte do exército de xoaniñas que poboará de cor a nosa realidade?




O vindeiro sábado 2 de agosto terá lugar a presentación de 'A alternativa está aquí' na Feira do Libro da Coruña. O acto, no que participará a escritora María Reimóndez, terá lugar ás 19.45. Dende as 19.00 horas a autora estará na caseta da Libraría Pedreira para firmar exemplares.  

O obxectivo de 'A alternativa está aquí' é dar unha visión crítica da nosa posición no mundo e entroncar os acontecementos que están a darse na nosa sociedade cos que levan décadas dándose noutras. Presenta unha panorámica de análise amena e sobre todo céntrase nas alternativas que as comunidades en xeral e en particular as mulleres dos países en vías de desenvolvemento levan formulando décadas para poder saír adiante en situacións de grande precariedade.

domingo, 27 de xullo de 2014


Unha das cuestións que aborda María Reimóndez n'Alternativa está aquí' son as claves dos Grupos de Axuda Mutua (GAM), metodoloxía coa que traballa a Implicadas No Desenvolvemento nos programas que desenvolve na India coa ONG local People´s Development Initiatives (PDI).

"Como ninguén nos falou disto antes?" Esta é a pregunta que pasado un certo tempo adoitan facer as mulleres que comezan a traballar nun grupo de axuda mutua.

A metodoloxía GAM baséase na crenza de que todas as persoas temos potencial para cambiar a nosa situación e o que nos rodea. Tamén se basea na crenza de que para cambiar a nosa situación o máis importante é traballar sobre os dereitos das persoas e utilizar a forza do grupo para incidir na sociedade. No caso das mulleres, que padecemos discriminación polo mero feito de selo, agruparse e actuar xuntas é o primeiro paso para superar todo tipo de situacións de pobreza, marxinalidade ou discriminación.

A metodoloxía GAM baséase en tres piares:
  1. O social: apoio ás integrantes.
  2. O económico: capacidade de crecemento económico independente a nivel individual e colectivo.
  3. O político: intevención na sociedade esixindo responsabilidades.

En resumo, trata os problemas das persoas non dende o punto de vista do desenvolvemento, senón do empoderamento. O empoderamento é conseguir que unha persoa poida exercer os seus dereitos e expander as súas capacidades ao máximo posible.

A metodoloxía baséase no concepto da axuda mutua ou axuda entre iguais. É dicir, é o grupo quen ten que resolver os seus problemas e os das súas integrantes, tomar decisións e asumir responsablidades sen depender doutras entidades externas.



martes, 22 de xullo de 2014


O vindeiro venres 25 de xullo terá lugar a presentación de 'A alternativa está aquí' en Rianxo. O acto, no que participará a escritora María Reimóndez, terá lugar ás 13.00 horas na Casa do Concello

O obxectivo de 'A alternativa está aquí' é dar unha visión crítica da nosa posición no mundo e entroncar os acontecementos que están a darse na nosa sociedade cos que levan décadas dándose noutras. Presenta unha panorámica de análise amena e sobre todo céntrase nas alternativas que as comunidades en xeral e en particular as mulleres dos países en vías de desenvolvemento levan formulando décadas para poder saír adiante en situacións de grande precariedade.