xoves, 20 de marzo de 2014

María Reimóndez na presentación en Vigo.


>> Crónica de Ramón Nicolás sobre a presentación en Vigo do ensaio 'A alternativa está aquí' de María Reimóndez., publicada o 20/03/2014 no Caderno da crítica.

Foi un pracer asistir á presentación d´A alternativa está aquí, de María Reimóndez, celebrada onte no comprometido espazo co libro galego e portugués que simboliza a Libraría Andel; un libro do que mañá exporei a miña lectura na sección de libros galegos do suplemento Fugas de La Voz de Galicia.
Principiou as intervencións Manuel Bragado quen subliñou á xénese da obra que situou nunha conversa coa autora sobre a necesidade dun volume que falase sobre cooperación e desenvolvemento, aínda que o resultado final sobardase, felizmente e con moito, tal obxectivo. Subliñou, asemade, o traballo diverso e comprometido da autora coa causa do feminismo, co activismo social e coa literatura, citando as súas últimas publicacións como son Feminismos, Presente continuo, Volvo. O regreso de Usha e o presente ensaio, resultado de moita experiencia acumulada e que definiu como un texto «político» e «fulcral» na traxectoria da autora, inserido na colección «Libro X»: unha serie concibida »para fomentar o debate nun momento de inconformismo onde a política debe ter outro valor». Un ensaio, este, »escrito en tempos difíciles», reactualizando a fermosa sentenza de Juan Farias, e que entende como unha proposta «para enxergar a esperanza, para procurar alternativas, para compartir espazos, para promover o pacifismo e apostar pola corresponsabilidade sobre ámbitos moi diversos». Un texto, en fin, que valorou como «ambicioso» e que chama, de seu, a abandonar «a retórica dos heroes».
Pola súa parte Emilio M. Martínez Rivas comezou apelando ao recordo de Xesús Jares e cualificouno como un libro compacto, onde nada resulta gratuíto, escrito sen eufemismos e de doada lectura, que nace dunha visión dunha vontade de intervención política, pero dunha política que non «vén dos partidos políticos», xerándose desde as instancias da militancia e mais do activismo, desde as causas do feminismo e da solidariedade internacional. O groso da súa intervención xirou arredor de catro elementos que considerou axiais neste ensaio: o universo das ONGDs, subliñando tanto o traballo de Implicadas como entidade que aposta por un cambio de estruturas e por desvelar as claves de actuación dos chamados «Grupos de Axuda Mutua»; o asunto do consumo responsable e, finalmente, as referencias á cuestión idiomática e mais ao feminismo.
Por último a autora pechou o acto referíndose á xestión do libro en primeiro lugar. Unha experiencia que adxectivou como «complicada» pois aplicou nela un espírito de sintetización e un uso dunha linguaxe accesible, algo dificultoso pola vontade de profundidade que tamén teñen estas páxinas; mais ao tempo considerou a redacción do libro como «doado» pois porque está baseada, fundamentalmente, na experiencia. Un ensaio que non entende como «resultado dun proceso de investigación», antes ben un espello de vivencias derivadas da práctica e acción no mundo da cooperación e o desenvolvemento, a carón doutros moitos temas, escrito desde o feminismo e desde a compaña de moitas activistas e de compañeiras que constitúen os denominados Grupos de Axuda Mutua. Un libro, por último, no que quixo asumir unha «visión global das cousas» e «ver as súas conexións», termando «da maneira de entender ás outras e de entendérmonos nós». Un libro, isto é de colleita propia, que estou certo promoverá o debate e o diálogo, algo do que tan preciso nestes tempos.

>> Crónica de Manuel Bragado. Publicada o 20/03/2014 en Brétemas.
Presentamos onte na libraría Andel A alternativa está aquí, o libro politico de María Reimóndez. Correspondeu a glosa do ensaio a Emilio Martínez Rivas que comezou lembrando a Xesús Jares e definiu o libro como «compacto», «unha presada de temas actuais para a reflexión», «un libro de intervención política, da política que non ven dos partidos políticos», «un libro feito dende os movementos sociais, do activismo, da cooperación para o desenvolvemento e dende o feminismo», «non hai eufemismos, María Reimóndez chama as cousas polo seu nome». Salientou despois catro temas do libro. Primeiro, a experiencia das Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento; segundo, as propostas de comercio xusto e de proximidade; terceiro, a cuestión da lingua e as contradicións das ONGDS a este teor; e cuarta, a perspectiva feminista que abrangue todo o libro, anque se dedica unha parte específica aos Grupos de Axuda Mutua (GAM) xerados en sociedades como a India. Rematou Emilio Martínez insistindo na idea de que «é difícil mudar o mundo se non mudamos os comportamentos das persoas» e convidando a escoitar a Aline Frazão, a quen María Reimóndez cita no libro.
Na súa intervención María Reimóndez sinalou que a escritura do libro foi ao mesmo tempo complicada e doada. «O libro foi complicado de escribir xa que asumín un desafío de síntese para abordar con brevidade e profundidade moitos temas, ademais de atopar unha linguaxe correcta para comunicar e incitar á reflexión dende a experiencia e o traballo». «Porén -continuou– foi un libro fácil, xa que está baseado na experiencia, en cousas do día a día». «Abordo o tema da cooperación ao desenvolvemento e propoño que reflexionemos que a desigualdade que vivimos aquí a levamos xenerando dende hai tempo noutros lugares». «O feminismo é a miña óptica vital que o abrangue todo, presente en todas estas páxinas, nas que me sentín acompañada polas pensadoras, activistas e membros dos Grupos de Axuda Mutura, fonte inagotable de experiencia e esperanza». «Tratei de ofrecer unha visión global das cousas e da maneira de entender ás outras e de entendérmonos nós». Antes de ler as páxinas iniciais e o epílogo do libro, María Reimóndez insistiu na necesidade das políticas de conexión, afirmando a súa convicción «no traballo de profundidade máis ca no de superficie».

Tagged:

0 comentarios:

Publicar un comentario