venres, 21 de marzo de 2014

Manuel Bragado, María Reimóndez e Emilio Martínez Rivas na presentación da obra en Vigo.

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Fugas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro A alternativa está aquí, de María Reimóndez.

FÍOS QUE TECEN NOVAS REDES

UN LIBRO SINGULAR CONCIBIDO DESDE O ACTIVISMO E BAIXO A VONTADE DE APLICAR UN ESPÍRITO CRÍTICO A ALGUNHAS DAS CLAVES POLÍTICAS, CULTURAIS E SOCIAIS DO NOSO TEMPO OFRECENDO, ASEMADE, ESTRATEXIAS DE ACTUACIÓN

María Reimóndez intérnase outra volta nos eidos da reflexión e faino cun ensaio inspirado nos criterios da divulgación e a accesibilidade, da axilidade expositiva e  mais do espírito crítico, suscitando o interese polos contidos tratados desde un cuestionamento diáfano e radical –que vén de raíz- que fai respecto de discursos ideolóxicos establecidos. “Alternativas” que se descobren na lectura ao adoptar unha engaiolante dinámica como é a de acudir sempre a unha metáfora inicial –a xoaniña da cuberta simboliza esta lectura- ou ao relato dunha experiencia: recursos operativos para logo desenvolver as teses particulares que se defenden.

         As cuestións que se abordan aquí parten dunha proposta inicial cifrada en postular unha mudanza de perspectiva. Así é como se visita a cerna de asuntos que abalan desde a conformación do imaxinario de cadaquén ás cuestións de xénero con especial atención aos sectores máis vulnerables;  visita a adopción de posturas cívicas e de comportamentos solidarios pasando pola revisión crítica das dinámicas de diferentes ONGDs; recala na análise da pobreza e exhibe poderosas reflexións sobre lingua galega; aposta pola recuperación da cidadanía e desvela as claves do traballo dos chamados Grupos de Axuda Mutua.
O libro incita a exercer a reflexión e a cultivar o diálogo, tamén a xestionar as cousas de maneira distinta, razoable e proveitosa.  Un libro construído con palabras que son fíos tensos destinados a tecer novas e duradoiras redes de convivencia que xeren espazos de consenso. Non ten pouco mérito o obxectivo nin tampouco  sistematizar tanto, e facelo con engado, en tan pouco espazo.

Tagged:

0 comentarios:

Publicar un comentario