venres, 7 de marzo de 2014

Andel de novidades de Fervenzas Literarias


Edicións Xerais vén de publicar na colección LibroX o ensaio 'A alternativa está aquí' de María Reimóndez.

O obxectivo deste volume é dar unha visión crítica da nosa posición no mundo e entroncar os acontecementos que están a darse na nosa sociedade cos que levan décadas dándose noutras. Presenta unha panorámica de análise amena e sobre todo céntrase nas alternativas que as comunidades en xeral e en particular as mulleres dos países en vías de desenvolvemento levan formulando décadas para poder saír adiante en situacións de grande precariedade.


Así comeza 'A alternativa está aquí': "Hai persoas e colectivos que traballan dende o superficial mais hai outras que traballan coma a árbore, dende as raíces, o tronco e as pólas, creando un novo humus e atendendo tamén as necesidades inmediatas e futuras, poñendo en dúbida os conceptos aprendidos de "crecemento", "desenvolvemento" e " progreso" e experimentando e vivindo de maneiras transformadoras e subversivas. Esas son as persoas que menos vemos. Este libro fala precisamente delas e ten por obxectivo que no cando de engrosar as listas de persoas marxinadas aumentemos as listas das persoas que van as raíces".


Nos próximos días anunciaremos as datas e lugares de presentación da obra. 

0 comentarios:

Publicar un comentario