domingo, 6 de abril de 2014




Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog Bouvard e Pécuchet unha crítica sobre o libro A alternativa está aquí, de María Reimóndez.


Guía práctica contra a globalización e o pensamento único. Por Manuel Rodríguez Alonso (06/04/2014, Bouvard e Pécuchet)
Hai moitos ensaios que critican a actual sociedade consumista, globalizada, ultraliberal e dominada polo chamado pensamento único neocon, mais fano desde a teoría e non ofrecen solucións prácticas e viables para o día a día. Reimóndez neste ensaio achéganos unhas pautas de comportamento moi sinxelas para nos opormos desde a nosa vida cotiá a esa vaga de consumismo que non deixou de medrar desde o remate da II Guerra Mundial. Faino, ademais, propoñendo solucións, en moitas ocasións, tomadas da forma de vida tradicional de noso, que parece ser que non era tan atrasada como nos fixeron crer desde os anos do desarrollismo.
Dun xeito ameno, como é propio do ensaio, a autora vai desenmascarando mentiras que pasan por verdades, como é a imaxe que dos países do chamado Terceiro Mundo e de nós mesmo nos ofrecen os medios de comunicación. Esfarela cunha linguaxe sinxela e cun didactismo impecable os modelos que nos propoñen para o desenvolvemento e progreso de Galicia, como Inditex ou Pescanova, estes días tan de actualidade nos nosos medios.
Agora que algúns defenden tanto o galego como lingua imperial ou universal, pola súa ligazón co portugués, a autora vai propugnar o seu uso por todo o contrario, por ser unha lingua minorizada e nunca imperialista, que se converte en bandeira e símbolo da defensa dos dereitos dos esmagados, progresistas e alternativos. En fin, recomendo vivamente a lectura e mesmo comentario nas clases de lingua de ESO e Bacharelato do capítulo dedicado ao galego como lingua minorizada e non imperial-universal.
Cómpre ler así mesmo a caracterización que se fai das axudas gobernamentais ao desenvolvemento no Terceiro Mundo e ao labor das ONGs convencionais, así como as propostas para artellar un novo tipo de cooperación, onde a sociedade civil dos países receptores teña un protagonismo do que agora carece.
Moito me gustou a parte do libro onde a autora nos describe como nos manexa a sociedade da globalización para converternos en consumidores. Os consellos que dá para deixar de ser consumidores compulsivos ao servizo de multinacionais explotadoras do traballo nos países subdesenvolvidos podemos poñelos en práctica xa, aquí e agora. A autora non queda en teorizacións, senón que nos di en cada ocasión o que hai que facer na nosa vida cotiá para loitar a prol dunha sociedade universal máis xusta e así mesmo respectuosa co medio. Incluso nos recomenda volver a prácticas de reciclaxe ou aforro que xa usaban os nosos devanceiros campesiños e mariñeiros. Así, ademais, axúdanos a superar ese complexo, tan estendido desde os anos do desarrollismo e agora co neocapitalismo do PP e mais do PSOE, do atraso da sociedade tradicional galega. Moitas das prácticas que recomenda a autora eu xa as realizaba na aldea da miña infancia-adolescencia. Despois desbotámalas, porque o desarrollismo nos fixo crer que eran propias de pailáns e atrasados. Agora a autora ponas no sitio preferente do que nunca deberon saír. 
Xa que logo, recomendo vivamente a lectura deste ensaio, posto que, como xa dixen enriba, non queda na teorización contra a globalización e o movemento neocon, senón que, fronte aos que din, con esa leria da fin da historia, de que non hai alternativa, si que a hai e a ensaísta ben que o demostra, propondo unha solución práctica para cada uso consumista ou globalizador rexeitado. Ademais son prácticas enraízadas moitas veces na nosa tradición como pobo e nación. E volvo recomendar o capítulo dedicado ao minifundio.
En canto á lingua, estamos perante un ensaio de verdade. Na literatura galega abundan as obras que se presentan como ensaios, cando realmente son memorias de investigación ou simplemente teses de doutoramento resumidas. O ensaio é o xénero literario dirixido a persoas cunha formación de ESO ou bacharelato para tratar problemas de actualidade e propor solucións a eles. Utiliza un rexistro culto, mais comprensible para calquera con esta devandita formación media, e bota man de recursos literarios xa non só para embelecer o texto, senón para facelo máis comprensible e atractivo. Isto certamente que o consegue a autora. No eido do estándar rexistramos algúns castelanismos léxicos como custe (páx. 46) por custo ou prenda de roupa (páx. 86). Incorre no vulgarismo ao empregar o latinismo de motu propio (páx. 125). Mais este latinismo merece un comentario á parte.
Motu proprio é un latinismo, tanto en portugués coma en castelán. Sempre se usa sen a preposición de: Fíxoo motu proprio (é dicir, por propia vontade). Un vulgarismo do mal castelán dos telecomunicadores modelo Tele5 é utilizar de motu propio. O Gran Xerais rexistra motu propioco asterisco de incorrección e sinala que cómpre utilizar motu proprio e sen a preposición de. Non obstante, en galego, e pola influencia do mal castelán, aparece de motu propio, como acontece neste ensaio: É habitual que os grupos tomen medidas contra a violencia de xénero de motu propio…(páx. 125). Mais a miña sorpresa resulta superlativa cando ao consultar o DRAG na súa última versión na rede, vexo que a RAG admite motu propio e que o exemplifica así: Non fas nada con obrigalo, iso teno que facer de motu propio. De novo, os todólogos da RAG son creadores xeniais do que eu denomino castelgalego.
A autora emprega así mesmo balda (páx. 69). Balda era termo rexeitado pola RAG por consideralo un castelanismo. Así o Dicionario castelán-galego da RAG de 2004 dá como equivalentes do balda castelán os galegos andel, estante. Mais o actual dicionario dixital xa admite como correcto balda. O curioso é que non ofrece como sinónimos de balda nin estantenin andel. Dá a sensación de que esta admisión de balda a fixo alguén ás présas e sen máis.
Rexistramos así mesmo a forma demitimos (páx. 95). Esta palabra ten unha curiosa historia normativa. O dicionario en liña da RAG indica na entrada demitir que é unha forma errada e que cómpre utilizar dimitir. Mais os termos dimitir-dimisión teñen unha curiosa historia normativa. O VOLGa na versión mecanografada do remate dos oitenta impuña as formas demitir/demisión. Rexistraba dimitir, mais con asterisco de incorrección e remitía a demitir como forma correcta. Sinalaba que demitir, como no portugués ou no mal castelán, tanto podía ser transitivo como intransitivo e así podía dicirse, como fan algúns comentaristas deportivos en mal castelán, O presidente do club demitiu o adestrador. Fano provir dun demittere latino seguindo a opinión de R. Lorenzo en Glosario. La traducción gallega de la Crónica General…
Nesta liña o dicionario do ILGa e da RAG de 1990 impón demitir/demisión, e tanto en uso transitivo como intransitivo. Mais C. García, director deste dicionario, en Recantos da lingua, defendía dimitir/dimisión, porque sinalaba que procedían do latín dimittere. Quen isto escribe, que no remate dos oitenta e nos primeiros noventa se dedicaba á elaboración de libros en galego para o Ensino, impuxo como criterio para os libros de texto demitir/demisión, que son palabras ademais de moito uso. Mais xa en 1993, os todólogos cambian de opinión e no Pequeno diccionario da lingua galega da RAG a forma proposta é dimitir, que se pode usar como transitivo e intransitivo, pero, nunha proba máis da forma trapalleira en que traballan os todólogos, os exemplos só dan usos intransitivos: O ministro dimitiu. O xefe dimitiu. Xa no dicionario de 1997 a RAG impón como formas correctasdimitir/dimisión e só se debe usar dimitir como verbo intransitivo. Pero, ademais, este dicionario rexistra como entradas *demitir/*demisión, con asterisco de incorrección e remite ás correctas dimitir/dimisión. Pero se consultan a versión en liña actual do VOLGa verán que agorademitir se considera incorrecto. O VOLGa dá como correcto dimitir, pero como transitivo e intransitivo. O dicionario en liña da RAG só o admite como intransitivo. Así, de acordo co VOLGa, podemos dicir e sería correcto O presidente do Celta dimitiu o adestrador, mais co dicionario non, pois dimitir só é intransitivo. O curioso é que os directores do VOLGa e mais do dicionario académico son os mesmos. Cousas dos todólogos, que non gustan os termos dimitir/dimisión, nin na teoría nin na práctica. E iso que nun exemplo din que O xefe dimitiu, mais só é un exemplo teórico. En fin, fago esta digresión para que vexan como traballan os nosos todólogos. O Gran Xerais admite demitir/demisión, sinalando que é forma posible e válida, aínda que non normativa. Indica que só é intransitivo. Fago estas digresións para ver se os todólogos se aclaran e, polo menos, que fagan coincidir o VOLGa co dicionario. Tamén podían dimitir dalgún dos seus moitos cargos e así sairían mellor os dicionarios…
Volvendo ao rego (xa sei que os críticos e lingüistas oficiais dirán que isto non é nin crítica nin filoloxía, mais cómpre espallar o estándar e tamén sinalar as eivas do noso poder lingüístico oficial), recomendo a lectura deste ensaio de Reimúndez e, como xa dixen no corpo do artigo, algúns capítulos, como os referidos á lingua, ao peso que debe ter a sociedade civil nos programas de axuda das ONGs, a política de empresas como Inditex ou Pescanova ou a defensa do minifundio de noso, son dignos de comentario entre o alumnado nas clases do segundo ciclo da ESO e no bacharelato e xa non só en lingua, senón en historia, filosofía… Xa está ben de que se usen nos libros de texto destas materias, habitualmente traducidos sen máis do casteláns, os textos vertidos ao galego dos sempiternos Savater, Marina…, que andan en todas, coma a caldeira do polbo.

Tagged:

0 comentarios:

Publicar un comentario