martes, 29 de xullo de 2014

María Reimóndez e Branca Rodríguez na presentación da obra en Lugo.

Pilar Ponte publicou no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo (12/06/2014) unha recensión sobre o libro A alternativa está aquí, de María Reimóndez.

E TI, QUE QUERES SER?
A política dos xestos pequenos

E ti, que queres ser? Queres ser superheroe/superheroína ou queres ser activista? Se aínda non tes resposta a esta pregunta precisas ler urxentemente A alternativa está aquí, a última obra de María Reimóndez, a recente gañadora dos Premios Xerais 2014. Sae o título como quinta entrega de “Libro X”, unha colección de Xerais de ensaios breves e de carácter divulgativo que, por incrible que pareza, non forma parte da proposta de lecturas para o ensino da editorial.

Ninguén explica mellor que a autora os motivos para ler a súa obra: “fala da política dos xestos pequenos, ofrece numerosos exemplos de iniciativas descoñecidas pola maioría da sociedade, reflexiona sobre o pensamento que é necesario para habitar un mundo diferente, busca ser ameno e axudar a vernos a nós e ás outras dun xeito crítico e, por último, tenta que ao pecharmos a páxina pasemos á acción”. E todo isto en menos de 150 páxinas!

Un dos grandes acertos do texto é a súa aposta pola exemplificación, a intención de lle dar ao lector unha solución ao seu desexo de cooperación mediante a política de xestos pequenos. Ese saber que podo facer eu dende o confortable sofá do meu fogar do primeiro mundo, dende recoller un papel do chan a non cambiar de móbil sen necesidade sabendo por que é realmente importante o que eu fago para a comunidade.

Auguramos que o gran descubrimento para a maioría dos lectores serán os Grupos de Axuda Mutua (GAM). O funcionamento dos GAM é analizado polo miúdo e aprendemos desta forma de cooperación claves que nos poden axudar moito na organización de grupos, concretamente é unha aprendizaxe magnífica para a educación cooperativa. Imposible non facer alusión ao capítulo “A xustiza comeza pola boca”, verdadeira lección de sociolingüística para entender a importancia de falar unha lingua minorizada. Esta ducia de páxinas están chamadas a se converter en lectura obrigada nas nosas clases de lingua.

A pouca sensibilidade que teñamos, o libro das xoaniñas remóvenos por dentro e déixanos indefensos coas nosas propias contradicións perante un discurso alentador que só pode xurdir cando se produce unha coherencia vital como a da autora. Estás en disposición de formar parte do exército de xoaniñas que poboará de cor a nosa realidade?



Tagged:

0 comentarios:

Publicar un comentario