domingo, 27 de xullo de 2014


Unha das cuestións que aborda María Reimóndez n'Alternativa está aquí' son as claves dos Grupos de Axuda Mutua (GAM), metodoloxía coa que traballa a Implicadas No Desenvolvemento nos programas que desenvolve na India coa ONG local People´s Development Initiatives (PDI).

"Como ninguén nos falou disto antes?" Esta é a pregunta que pasado un certo tempo adoitan facer as mulleres que comezan a traballar nun grupo de axuda mutua.

A metodoloxía GAM baséase na crenza de que todas as persoas temos potencial para cambiar a nosa situación e o que nos rodea. Tamén se basea na crenza de que para cambiar a nosa situación o máis importante é traballar sobre os dereitos das persoas e utilizar a forza do grupo para incidir na sociedade. No caso das mulleres, que padecemos discriminación polo mero feito de selo, agruparse e actuar xuntas é o primeiro paso para superar todo tipo de situacións de pobreza, marxinalidade ou discriminación.

A metodoloxía GAM baséase en tres piares:
  1. O social: apoio ás integrantes.
  2. O económico: capacidade de crecemento económico independente a nivel individual e colectivo.
  3. O político: intevención na sociedade esixindo responsabilidades.

En resumo, trata os problemas das persoas non dende o punto de vista do desenvolvemento, senón do empoderamento. O empoderamento é conseguir que unha persoa poida exercer os seus dereitos e expander as súas capacidades ao máximo posible.

A metodoloxía baséase no concepto da axuda mutua ou axuda entre iguais. É dicir, é o grupo quen ten que resolver os seus problemas e os das súas integrantes, tomar decisións e asumir responsablidades sen depender doutras entidades externas.



Tagged:

0 comentarios:

Publicar un comentario