María Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión e leva dende o ano 1994 traballando no campo da cooperación ao desenvolvemento. Comezou o seu traballo como voluntaria en Karnataka (India) e máis adiante, en 1998 e tras adquirir contactos e experiencia de traballo con organizacións locais, fundou Implicadas no Desenvolvemento. Implicadas no Desenvolvemento é unha organización que entende a pobreza como unha cuestión política na que se vinculan o neocolonialismo, o patriarcado e o capitalismo. María Reimóndez é a súa vicepresidenta e a persoa directamente encargada de colaborar na planificación e seguimento dos proxectos no Sur. Así, ten traballado en Karnataka, Andhra Pradesh e sobre todo en Támil Nadu (India) e tamén en Addis Abeba e na rexión de North Wollo en Etiopía. O seu traballo teórico ao redor dos temas relativos á cooperación está estreitamente vinculado co seu traballo do activismo feminista e poscolonial, algo que a levou a impartir diferentes conferencias en eventos como o Mundos de Mulleres (Madrid 2008) ou na conferencia Transnational Feminisms (Frankfurt 2010), ademais de impartir innumerables cursos e conferencias en Galicia e Támil Nadu.

A súa experiencia como voluntaria levou a que a organización alemá Kinder-Not-Hilfe a contratase en calidade de consultora para asesorar na aplicación da metodoloxía dos grupos de axuda mutua. Ademais de viaxar a Ruanda, Reimóndez é agora a consultora principal para a introdución desta metodoloxía en Haití. Tamén visitou proxectos desta ONG en Pakistán.

Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais, 2008) -Premio Frei Martín Sarmiento 2010-, O Monstro das palabras (Xerais, 2009) e Volvo! O regreso de Usha (Xerais, 2014); e para público adulto as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012). No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013).

Tamén no 2013 veu a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos, que fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. Xa en 2010 publicou un capítulo sobre a violencia simbólica contra as escritoras na crítica literaria en Galicia no volume Violencias visibles, violencias invisibles co Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias (Icaría, 2010). 

No 2014 gañou o XXXI Premio Xerais de Novela por 'Dende o conflito' e o XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con 'A dúbida'.

Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños (Galaxia, 2007) de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego. En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais

Máis información sobre María Reimóndez en www.mariareimondez.eu

0 comentarios:

Publicar un comentario